|
 Hoxe
Galiza é unha rede do tamaño do mundo, unha irmandade popular
de mariñeiros en loita contra un monstro descomunal de alcatrán
e censura, contra unha besta apocalíptica de cinismo e brea, cobra
cósmica de piche e de mentira. Temos ben afirmado nas mans o aparello
cosido entre todos os galegos e galegas, que todos somos mar, e através
dese tecido de esperanza feramente democrática andamos a camiñar
en ouveo dramático, en balbordo de noticias espantosas, en brado
de xustiza. Cae na rede o chapapote como cairán os gobernos responsábeis
desta traxédia, que non foi causa de catástrofe natural,
destino cíclico dun pobo debruzado sobre os precipicios da fatalidade,
senón consecuencia de escuro comercio: o dos negocios clandestinos
que deixaron ao garete un barco de boca aberta en agónico vómito
infernal sobre a liña frouxa do horizonte e sepultaron logo un
cadáver preñado de terror a 3.600 metros de fondo. A bomba
do Prestige ficou activada en estado de permanente erupción, veleno
letal fronte ás costas de Galiza.
 Contra
esas armas do terrorismo de estado neoliberal temos unha rede nosa feita
de indignación, corcosida aínda e por moito tempo cos fíos
da tristura pero asentada no chumbo do labor comunal, da común
vontade do pobo fronte ao poder inicuo dos seus gobernantes, fronte ao
cinismo infinito dos presidentes, ministros, delegados e conselleiros
do Partido Popular, fronte a mentira como estratexia propagandística
e única norma moral, que paralisou toda acción preventiva
do pobo contra os avances da maré negra. Pero nós temos
unha flota explosiva de mariñeiros en armas de verdade, con aparellos
de fantástica tecnoloxía punta, a raiba e o ganapán
a bordo das planeadoras, a fraternidade e a culler dos barcos dos bateeiros,
un símbolo novo de Galiza a apañar veleno mentres os gobernantes
da Xunta se enguedellan na pelexa polo poder nas súas leiras miserentas
de ambición conselleril ou pernoctan en hotel de cinco estrelas
antes do exercicio cinexético menor. Os outros, os de España,
entréganse á caza maior, como corresponde á xerarquía
de rango principal.
 Nós,
aquí, estamos organizados para a pesca oceánica do chapapote,
esa palabra que lles parece tan graciosa, preparados para unha faena que
nos devolve conciencia de nós, malla ancha e firme que se chama
Galiza e medra en tamaño interior, de Ortegal a Cabo Silleiro,
do Caurel a Compostela. A Compostela levamos o primeiro de decembro de
2002 unha rede de multitude en combustión algareira e aquel océano
de escuma encheu dez veces a enseada do Obradoiro en rebeldía de
ondas a bruar e a resaca levaba o remuíño dos corpos acesos
en ira feliz outravolta contra as furnas da Praza de Fonseca e das fontes
da Alame da continuaba a nacer xente en enxurrada que nunca esmorecía.
A xente, o pobo de Galiza en representación unánime, bruaba
contra o chapapote da política ignominiosa do PP. E os berros foron
clamor transparente que continúa a ecoar e se renova en cada rúa,
en cada casa, en cada praia, en cada barco: ¡dimisión!, ¡dimisión!,
¡dimisión!. Esiximos a responsabilidade política e
penal dos presidentes, ministros, delegados e conselleiros dos gobernos
do Partido Popular.
 E
agora somos todos maré chea contra os cantís da manipulación
informativa, contra a pedra seca da censura, vello oficio franquista,
hábil labor de información e turismo, contra o desprezo
manifesto do goberno de Madrid e a súa sección noroeste
por este pobo que todo é mar e como mar brúa e non se somete.
Que non se somete. Que cando a pinga derradeira do piche reborda os canles
da indignación contida medra en nós un facho de flor irmandiña.
E agora o facho é rede unánime extendida desde o curuto
soberbio de Cabeza de Manzaneda aos cantís calcinados de Touriñán,
desde a praia de Soesto acoitelada en negro até os últimos
niños da luz na Devesa da Rogueira. E a rede somos nós,
que todos somos mar, e a vontade nosa de vencer na batalla do chapapote
significa gañar tamén a guerra política contra un
poder enlamado na visguenta maré negra do beneficio contábel
como único obxectivo. A rede deles, as artes ilegais da arañeira
caciquil, comeza a rachar aquí e acolá contra os cons da
conciencia popular. A nosa é un aparello de futuro, tecnoloxía
punta da vontade colectiva, e está a ser cosida entre todos os
galegos e galegas, que todos somos hoxe mar insubmiso contra a maré
negra do rumbo criminal do Prestige en mans dos gobernos do Partido Popular.
E a rede somos nós.

Ligação: <http://mais.vieiros.com/desastreprestige/>
|